MANIFESTO POR UNHA SARRIA LIBRE DE TOURADAS

Pincha aquí para asinar o manifesto!

Un ano máis en Sarria temos que ver como coa chegada das nosas festas municipais as corridas de touros, un dos costumes máis bárbaros que existen, convértense nunha das actividades “estrela” das Festas do San Xoán.

Desde a Plataforma Sarria Libre de Touradas rexeitamos a celebración deste tipo de actividade no noso pobo, entendendo que non forman parte da nosa cultura nin da nosa idea de respeto cara os animais.

Do mesmo xeito, rexeitamos rotundamente que se subsidie, promocione ou colabore desde o Concello e con diñeiro público, é dicir, con cartos de todas e todos, o mantemento e celebración, das touradas. Nun contexto de crise económica como o que padecemos é un insulto á cidadanía que este tipo de espectáculos se promocionen e subvencionen a través de cartos públicos mentres se recortan servizos sociais básicos para a maioría da poboación baixo un falso discurso da “austeridade”.

Deste xeito amosamos o noso total rexeitamento a estas actividades que non fan máis que luxar os festexos do San Xoán na nosa vila e esiximos ao goberno municipal a retirada de calquera tipo de subvención, colaboración ou patrocinio con esta actividade. Así mesmo, desde a Plataforma Sarria Libre de Touradas, esiximos ao Concello de Sarria que amose unha clara defensa da cultura galega e demandamos unha oferta de lecer que aposte pola educación en valores, que nada ten que ver coa tortura e crueldade cos animais.

Sarria libre de touradas xa!

Sarria, maio de 2013